Teño unha casa, teño a neveira chea, teño unha boa
televisión e un ordenador con internet. Os meus fillos van á escola, e cando
están doentes van ao médico. Eu traballo e vou tódalas mañás ó ximnasio.
O meu veciño vive dunha renda, a neveira case
valeira, ten unha televisión pequena e un ordenador. Non ten internet, os
fillos van á escola, non lles pode mercar os libros e no caso de caeren
doentes, non poden ir ó médico. Está no paro e vai camiñando procurar traballo.
Meu pobre, antes vivía ben, tiña cartos, un bo
emprego… e agora todo o que tiña aforrado está gastado, está ó borde do abismo,
mais… que lle imos facer? Eu teño unha boa vida, e el… el arranxa como pode, eu
non lle teño culpa das súas desgrazas… non? Ou se cadra si.
Se cadra eu puiden evitar que el caera en
desgraza, e moi seguro el tamén a puido evitar. Tamén poderíamos ter evitado
que outros caerán antes; non o fixemos. Vivíamos moi cómodos no noso pequeno
mundo, rodeados das nosas cousas e sen preocuparnos de que outros puideran
ficar sen nada.
Agora reflexiono, e penso que é o momento de
loitar, de previr que máis persoas poidan acabar coma o meu veciño pola miña
culpa, pola súa culpa, pola túa culpa…
É o momento de vernos como un todo, e non como
unha parte, porque cando ti sofres, eu sufro. Porque cando ti te quedas sen
dereitos, eu tamén. Deixemos o egoísmo noxento que nos está a lacrar nestes últimos
anos, e vexámonos como iguales. Cambiemos o presente e o futuro e saiamos a
loitar os uns polos outros. Ti es eu e eu son ti. Non será en balde, e sábelo.
Xoguemos as nosas cartas e rematemos coa
inxustiza que a cotío nos xungue. Conta comigo para a loita.
Venceremos.